Sunday 28 de April de 2024

A Reserva de Biosfera leva ao Restaurante Terreo da Coruña o seu Plan Formativo en enogastronomía


• Está dirixido aos restaurantes e aloxamentos do seu territorio e trátase dunha ferramenta práctica para o sector, que vén complementar á formación en Calidade e Sustentabilidade Turística que ofrece anualmente Mariñas Coruñesas.

• Participaron 18 restaurantes da Biosfera; Diego López, xerente do Plan de Sustentabilidade Turística da Reserva de Biosfera; e foi impartida por Quique Vázquez, cociñeiro de Terreo.

A Reserva de Biosfera celebrou esta tarde no Restaurante Terreo, na Coruña, a segunda xornada do seu Plan Formativo Enogastronómico, dirixido aos restaurantes e aloxamentos do seu territorio.
Trátase dunha ferramenta práctica para o sector, que vén complementar á formación en Calidade e Sustentabilidade Turística que ofrece anualmente Mariñas Coruñesas.

Execútano chefs de referencia que integran os produtos agroalimentarios da Reserva de Biosfera nas súas creacións. Esta, concretamente, centrouse na visión gourmet da cociña. Empregou, por exemplo, alga codium, cebola, allo porro ou pemento vermello, todo made in Mariñas Coruñesas.

O obxectivo prioritario non é outro que poñer en valor a calidade diferenciada dos nosos produtos e produtores agroalimentarios, consolidándose o modelo “do campo á mesa” en establecementos da Biosfera, de calidade e sostibles, e que posicionan a Mariñas Coruñesas como un dos mellores destinos gastronómicos de Galicia.

Participaron 18 restaurantes da Biosfera; produtores locais; e Diego López, xerente do Plan de Sustentabilidade da Reserva de Biosfera. A formación correu a cargo de Quique Vázquez, cociñeiro de Terreo.

Con este plan, ademais, lógrase que grandes figuras da restauración coñezan os produtos agroalimentarios da marca de calidade da Reserva de Biosfera.